|
As melloras nas condicións socioeconómicas unidas ao avance das tecnoloxías no campo da sanidade, nos ámbitos preventivo, de diagnose e de terapia, veñen aparellados a un cambio da escala demográfica cun envellecemento moi acusado das poboacións nos países industrializados. A presenza cada vez máis acusada de individuos de idades avanzadas provoca unha sobrecarga moi forte nos servizos de saúde, que dificilmente son capaces de facer fronte as necesidades da poboación.
Dentro do subcampo das tecnoloxías asistidas resulta cada vez mais relevante o desprazamento de certos servizos médicos cara ao fogar do paciente, que permite por unha parte liberar os insuficientes recursos centralizados proporcionados polo sistemas público de saúde, e por outra a mellora da atención dos enfermos en certas situacións, xa que para moitas patoloxías o internamento ou o desprazamento dos pacientes non é necesario. Neste sentido, cobran un papel fundamental a implementación dos mecanismos que permitan que os especialistas médicos monitoricen e guíen as accións que os pacientes deben levar a cabo para a xestión adecuada das súas patoloxías; é dicir, a implementación das guías clínicas asociadas a certas patoloxías no fogar dos pacientes.
Neste proxecto plantéxase o desenvolvemento dun prototipo demostrador que permita a implementación das actividades asociadas ás guías médicas que permitan o correcto tratamento dunha patoloxía dun paciente, permanecendo este no seu fogar. As guías médicas funcionan neste senso, como “declaracións desenvolvidas de forma sistemática para axudar aos médicos na toma de decisións acerca das accións de saúde apropiadas en circunstancias clínicas específicas”. Desta maneira, ao levar as guías médicas ao fogar do paciente (vía sistemas de teleasistencia e telemedicina), permítese que os especialistas médicos amplíen o seu eido de actuación ao fogar do mesmo.
|